A poboación olla cara outro lado no Día Mundial da Esclerose Múltiple

    esclerose_100_18122007.jpgBOIRO > Un ano máis, a Asociación Compostelá de Afectados pola Esclerose Múltiple elixiu Boiro para instalar unha das súas mesas informativas.

    Nesta data simbólica na que se conmemora o día mundial desta doenza, o obxectivo é recadar fondos a través da venda de lotería e os donativos que permitan impulsar proxectos para aumentar a calidade de vida dos enfermos.

    A pesar de que hoxe en día aínda non existe un tratamento específico para a esclerose múltiple, non é este o principal problema dos afectados por esta enfermidade senón a falla de concienciación da sociedade.

    Falta de apoio

    A esclerose múltiple constitúe unha patoloxía neurolóxica dexenerativa que afecta a máis de 30 mil persoas en toda España. Sen embargo, dende a Asociación Compostelá de Afectados denuncian a falta de apoio das administracións públicas e dos propios enfermos que, nin sequera no día mundial da enfermidade, acceden a colaborar coas actividades recadatorias.

    Un exemplo desta falta de apoio atopámolo na mesa colocda esta mañá no centro de saúde de Boiro na que soamente participaron dúas afectadas pola enfermidade e varias colaboradoras. Aínda así, as responsables valoraron moi positivamente esta iniciativa que permite achegarlles á xente a realidade da súa doenza e implicalos directamente na mellora da súa calidade de vida. Sen ir máis lonxe, as vendas de lotería este ano foron espectaculares, con dous mil talonarios vendidos.

    Fronte á falata de apoio do concello, houbo varias empresas boiresas que si colaboraron coa asociación de afectados pola esclerose a través da venda de lotería. Tratase da pizzería Adria, perruquería salón Contraste, Taberna do Pillado en Moimenta, a farmacia de Cespón e a de Ramón Sánchez e outros, os bares Ría de Arousa e Xamonería, o centro de rehabilitación, a perruquiería Xaran de Vilariño, panadería Martínez, Clínica Santa Eulalia, Centro Gallego de Rehabilitación, párquin Boiro e floristería Marimar.

    Centro de día

    Grazas a estes e outros colaboradores anónimos, a asociación poderá seguir desenvolvendo a súa actividade anual que inclúe obradoiros formativos, rastriños benéficos ou mesmo servizos de logopedia e fisioterapia. Ademais da súa labor cotiá, o colectivo ten entre mans outro gran obxectivo a longo prazo: a creación dun centro de día en Santiago.

    {flowplayer}barbanza/esclerose.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza