O BNG demandará máis información sobre as actuacións previstas na EDAR

    RIBEIRA> Tras recibir resposta do executivo sobre as actuacións a desenvolver na EDAR de Ribeira, o BNG solicitará máis información na vindeira xuntanza da comisión de seguimento. Consideran insuficientes as explicacións procedentes do concello que alega non dispor da documentación sobre os proxectos previstos pola empresa. Unha burla ós afectados. Así cualifica o BNG de Ribeira a resposta recibida por parte do goberno local ante a súa demanda de información sobre as actuacións previstas para acabar coas deficiencias na EDAR. Segundo o informe remitido polo executivo, a empresa especializada contratada por ACUAES realizou as medicións oportunas durante os meses de maio e xuño. Cos datos obtidos, están a realizar un estudo sobre a evolución do sistema do que aínda non se teñen presentado as conclusións polo que non é posible aínda definir a solución máis axeitada ó problema das emisións. Sen embargo, co fin de minimizar as molestias, dende o concello sinalan que en xullo ACUAES adxudicou á empresa Espina Obras Hidráulicas a instalación de sistemas de desodorización nas arquetas e de mellora da capacidade hidráulica dos sifóns. Traballos que comezarán nas próximas semanas, unha vez que a Dirección Xeral de Tráfico autorice os cortes de tráfico requiridos na estrada DP 7307. Tamén continúan pendentes, aínda que xa en trámites para a súa contratación, as melloras na rede de saneamento para evitar verteduras en varios puntos como o porto ou a zona dos Mosqueiros. Con respecto ós ruídos emitidos polo tanque de tormentas dos Areeiros, o concello informa que xa se procedeu a cegar a reixa de ventilación dos cadros eléctricos e se instalou un filtro de ruído no sistema de saída do aire co que se conseguiu unha notable redución das molestias. Para o BNG, estas explicacións son escasas e insuficientes, ademais de chegar un mes tarde polo que solicitarán unha ampliación e maior concreción na próxima xuntanza da comisión de seguimento da EDAR.