O Concello esixe á Xunta que execute dunha vez a canalización das augas

    coutoarribaobras_salome100_181207.jpgRIBADUMIA > Operarios municipais traballan no ensanche dunha presa para evitar inundacións en tres casas do Couto de Arriba, en Barrantes…

    … Os problemas xurdiron ante a falta de canalizacións nas obras da Vía do Salnés, polo que a alcaldesa esixe á Cptopt que ofreza unha solución ós veciños de Barrantes.

    A alcaldesa de Ribadumia Salomé Peña visitou esta mañá as obras que os operarios municipais están executando no Couto de Arriba para resolver os problemas de inundacións en tres casas deste lugar provocados pola falta de canalizacións dos tubos da vía do Salnés. Estas obras consisten en ensanchar a presa existente no lugar, darlle maior profundidade e canalizar para evitar que os arrastres das augas que proveñen dos tubos da vía do Salnés os obstrúan ó mesmo que a estrada e, polo tanto, as tres casas que están a un nivel inferior da vía.

    coutoarribaobras200_181207.jpgSalomé Peña esixiu, durante a visita ás obras, ‘que Política Territorial execute dunha vez por todas estas obras’ e recordou que ‘hai un ano que os técnicos da consellería visitaron o lugar e comprometéronse a dar unha solución ós veciños, resposta que aínda non chegou’. As actuacións que lle solicitan desde o Concello de Ribadumia á COPTPT é a canalización das augas que caen dos tubos da vía, xa que as existentes non teñen capacidade para os tubos actuais. Esto orixina que cando a auga cae do tubo da vía do Salnés arrastra xabre e lodo pola ladeira, obstrúe as cunetas e inunda a estrada e as casas.

    Así o describiu Mercedes Martínez, unha das tres veciñas afectadas, que esixiu á Xunta ‘que tome medidas porque as obras da vía do Salnés son necesarias, pero tamén é importante que fagan estas outras para evitar inundacións nas nosas casas. Porque, cando chove, a auga entra por unha porta e sae pola outra e, se non as abres para botar a auga fóra, cando te levantas atopas todo inundado’. Asemade, puntualizou que ‘estas obras xa terían que estar feitas para evitarnos estes problemas’.

    Segundo Salomé Peña, ‘estas obras as tería que estar facendo a consellería, xa que son responsabilidade súa, pero ante a ausencia dunha resposta ás denuncias dos veciños e do propio Concello de Ribadumia, somos nós os que tivemos que asumilas para evitar que cando volvan as choivas os veciños teñan os mesmos problemas’. Aínda así, a alcaldesa recordou que ‘de tódolos xeitos, estas obras non servirán de nada se a consellería non executa a canalización de augas’.  

    Redacción Salnés