O colexio de Mosteiro súmase aos actos de repulsa contra a violencia machista

    minuto_silencio_mosteiro100_001.jpgMOSTEIRO > O colexio de Mosteiro quixo unirse as numerosas mostras de repulsa á violencia machista que xerou o recente…

    …asasinato de Mari Luz Pose. Cun minuto de silencio no patio do colexio e a lectura dun manifesto, directiva e profesorado do colexio quere inculcar aos rapaces da E.S.O. unha educación na igualdade e na tolerancia cero a violencia de calquera tipo.

    O profesorado en pleno do colexio de Mosteiro está de acordo en que a educación é a base dun bo comportamento e do respecto entre homes e mulleres, por iso, dentro do seu horario escolar, quixeron facer que os rapaces da ESO participaran nun acto de repulsa á violencia machista.

    O acto tivo lugar no patio do colexio e consistiu nun minuto de silencio en recordo de Mari Luz Pose, e na lectura dun manifesto por alumnos de cuarto. O texto foi escrito pola profesora de lingua española de terceiro e cuarto curso. Leuno unha rapaza que falaba do cheas que están as mulleres de ter medo, de pensar que tódolos homes son malos e de protagonizar os informativos, e un rapaz que resaltou o cheos que están os homes de que os metan no mesmo saco que os maltratadores, de que as mulleres teñan medo e de que haxa homes que cren que as mulleres son unha propiedade.

    Ámbolos dous pediron que cese xa a violencia de xénero. O silencio prolongouse durante a lectura do manifesto, roto tan so, para aplaudir con emoción, tódolos participantes do acto.

    Directora e profesores do colexio, poñen así toda a súa esperanza nos homes e mulleres do futuro, para que dunha vez, deixe de ser noticia que un home mata a unha muller.

    Redacción Salnés