A Confraría de Carril volve rexeitar vender o marisco dos seis novos mariscadores

VILAGARCÍA> Por segundo día consecutivo, os sete novos mariscadores de Carril atopáronse con atrancos para vender o seu marisco na lonxa carrilexa. Como xa sucedera onte, esta mañá non contaban cun código de venda asignado para poder subastar as ameixas capturadas na praia de Compostela. Aseguran que a confraría négase a proporcionalos ao non ser socios do pósito.

A incorporación dos sete novos mariscadores en Carril está a xerar tensións no sector produtivo da zona. Como xa sucedera na primeira xornada, este martes ao chegar á lonxa carrilexa atopábanse coa negativa a asignarlles un código de venda que lles permitira subastar o marisco.

Segundo denuncian, dende a confraría apoian a súa negativa no feito de que só os socios do pósito poden vender na rula carrilexa.

Polo de momento, estes mariscadores xa levan dous días sen poder vender o marisco que recollen na praia da Compostela autorizados polos permex concedidos pola Xunta. O luns reclamaron a presenza de Gardacostas, que levantaron acta do sucedido por unha presunta infracción ao impedir a venda.

Os sete afectados presentaron denuncia ante a Comisaría da Policía Nacional, acusando ao presidente da confraría e ao seu homólogo da agrupación de a pé de apropiación indebida. Xa que aseguran que, xa pola tarde, devolveron ao mar o marisco que eles recolleran.

Este martes, os sete novos mariscadores volveron reclamar a presenza do servizo de Gardacostas. Desta volta, segundo explicaron os afectados os axentes proporcionáronlles códigos de venda para poder subastar o seu marisco noutras rulas da contorna.