Portos destina un millón de euros a melloras nas instalacións da comarca

    mellorasportos_100_26122007.jpgBARBANZA >  Portos de Galicia adxudicou diversas actuacións na comarca, como a ordenación da dársena de Palmeira ou a creación de pantaláns en Muros.

    O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a adxudicación por parte de Portos de Galicia das obras de ordenación da dársena e a reubicación dos pantaláns existentes na parroquia ribeiresa de Palmeira. A actuación ten un orzamento de máis de 441 mil euros e un prazo de execución de 6 meses.

    A reforma consistirá na ordenación da dársena, retirando os actuais pantaláns e reubicándoos nunha nova disposición. Ademais retirarase a pasarela actual, o portalón e os trens de fondeo existentes.

    No DOG tamén se recolle a adxudicación do acondicionamento das instalacións náutico deportivas da Pobra do Caramiñal. Estas actuacións, cun orzamento de máis de 294 mil euros, consistirán na mellora do abrigo e a mellora das instalacións para o que se retirará o pantalán de formigón do peche do pantalán sur, substituíndose tódolos elementos deteriorados.

    Pantalán para embarcacións menores

    Tamén en Muros se adxudicou a instalación de pantaláns para embarcacións menores cun orzamento de máis de 228 mil euros e un prazo de execución de tres meses.

    As obras consistirán na modificación das prazas de atraque existentes nun dos pantaláns e na colocación dunha nova liña de pantaláns separada do anterior en 16 metros, o que suporá a creación de 69 novas prazas de amarre.

    Ademais colocarase unha pasarela, o portón de acceso correspondente e o sistema de control de accesos de Portos de Galicia. Procederase tamén á eliminación dos baixos existentes por medio dunha dragaxe para conseguir o calado óptimo para o correcto funcionamento das instalacións.

    {flowplayer}barbanza/mellorasportos.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza