NOIA> Noia celebrará o próximo luns o pleno de organización da nova corporación municipal. Ademais do reparto de competencias, procederase á aprobación das retribucións que suporán un aforro próximo ó 20 por cento.
O próximo luns ás 5 da tarde desenvolverase o pleno de organización do novo goberno noiés no que quedará fixado o reparto das áreas de goberno. Haberá tres dedicacións exclusivas e unha parcial, o que suporá un aforro do 20 por cento en retribucións con respecto ó anterior executivo.
En canto ás competencias, o alcalde asumirá a área económica e de persoal. Haberá dúas tenencias de alcaldía: unha para Manuel Seijas que asumirá ademais as carteiras de Facenda, Obras e Réxime Interno e outra para Sandra González, responsable de Servizos Sociais e Deportes. Consuelo Martínez encargarase das áreas de Cultura e Servizos veciñais , Abel Pan xestionará os servizos municipais mentres que Ana Blanco será delegada de Xuventude, Educación e Novas Tecnoloxías.
Unha vez definido o organigrama do novo executivo, o principal obxectivo a curto prazo será regularizar a actividade administrativa e racionalizar os recursos do concello para atender ás necesidades da veciñanza a través dunha xestión máis eficaz dos servizos municipais.











