A Pobra reivindica o feminismo cara unha sociedade máis igualitaria

    POBRA> As casetas dos Xardíns Valle-Inclán acollerán esta fin de semana a exposición ‘Feminista’. Unha mostra gráfica que pretende visibilizar o papel da muller nunha sociedade marcada pola desigualdade de xénero. Aqueles que se pasen polos xardíns Valle Inclán da Pobra esta fin de semana atoparanse cunha exposición diferente. Baixo o título Feminista, esta mostra organizada pola concellería de Igualdade, busca facer ben visible a fonda desigualdade de xéneros que existe na sociedade. Gráficos que amosan a fenda salarial ou estatísticas que evidencian quen asume o peso principal da conciliación. Son só algunhas pinceladas desta mostra que busca remover conciencias e plantexar unha reflexión que permite avanzar cara unha sociedade baseada na corresponsabilidade de xéneros. A exposición completarase cunha escolma de vinte e catro fotografías de mulleres esquecidas pola historia a pesar do seu importante papel en diversos campos como a ciencia, a tecnoloxía ou a loita contra a desigualdade de xénero. A mostra, que permanecerá aberta o sábado e o domingo, en horario de doce a dúas e de sete e media a nove e media, conta coa participación da asociación de amas de casa da Pobra, Mulleres en Acción e a asociación contra o cancro.