![]()
PONTECESURES > O delegado provincial de Traballo, Pedro Borrajo, asistiu esta mañá a clausura do obradoiro de emprego de Pontecesures.
Xunto coa alcaldesa da vila, María Isabel Castro, entregaron os diplomas duns módulos formativos onde a presenza de mulleres foi moi significativa.
Os alumnos do último obradoiro de emprego do concello de Pontecesures, recibiron hoxe da man do delegado provincial de Traballo e da alcaldesa da vila, os diplomas que acreditan a formación adquirida durante este ano. Son na súa maioría mulleres. E é que dos 36 alumnos dos catro módulos formativos, só catro eran homes. Unha cifra que acada máis relevancia ó coñecer as especialidades impartidas no obradoiro: Albanelería, carpintería, xardinería, traballo forestal e axuda ó fogar.
O delegado provincial de Traballo destacou hoxe que a porcentaxe de inserción laboral deste tipo de talleres e escolas é dun 70 por cento. Pedro Borrajo tamén fixo un chamamento ás empresas para que conten con estes novos e novas profesionais, e salientou a capacidade do sector feminino para traballar en sectores coma o da construción.
Dende o concello son optimistas coas posibilidades que os alumnos e alumnas teñen de acadar un emprego. Ademais, Isabel Castro tamén sinalou que algunhas empresas da vila, xa se interesaron polos alumnos.
A valoración dos alumnos, en canto á formación adquirida e as posibilidades de atopar un traballo, tamén foi positiva. Case 700.000 mil euros investiu a consellería de traballo no obradoiro que terminou hoxe en Pontecesures. O concello puxo pola súa parte todo o material necesario para a aprendizaxe e o desenvolvemento dos traballos prácticos. Un custe que tanto o delegado provincial de traballo coma a alcaldesa consideran necesario para a axuda á formación e o acceso ó mercado laboral dos veciños do concello. E en especial, para a inserción laboral das mulleres, que segundo Pedro Borrajo, é un dos obxectivos da consellería de Traballo.
Redacción Salnés









