Mercasa presenta o anteproxecto de mellora da Praza de Abastos de Vilagarcía

    VILAGARCÍA > Converter a praza de abastos nun centro especializado de productos da compra cotiá. Esta é a filosofía do anteproxecto de mellora do mercado de Vilagarcía elaborado por Mercasa. A actuación xa foi presentada ós grupos municipais e ós comerciantes da praza.

    Mercasa presentou o anteproxecto da praza de abastos de Vilagarcía. O mercado municipal disporá dun soto para descarga, almacén ou residuos, e para o acceso rodado dos clientes. Aquí propóñense dúas alternativas, 80 prazas atravesando a rúa Alexandre Bóveda ata o límite con Arcebispo Lago, ou 52 prazas soterradas.

    A zona de venta será totalmente transparente, na zona perimetral irán os postos dedicados a perecedeiros con 4 metros de profundidade, e na zona central reservaranse dous illotes para o peixe e marisco, onde caberían 50 postos de 4 metros liñais. Esta sala conectarase a través dunhas escaleiras a unha primeira planta, que sería un espazo comercial complementario. A idea principal deste proxecto, é converter a praza de abastos nun centro competitivo, que oferte productos frescos de calidade, para poder competir con outras áreas comerciais.

    O anteproxecto tamén prevé o tratamento urbanístico do entorno da praza. O feito de recuperar o volume orixinal do edificio permitirá crear 144 novas prazas de aparcamento en superficie, que se ocuparán os martes e sábados co mercadiño. Ubicaranse na rúa García de Caamaño e sobre a nova planta de soto. Tamén se reordenará o mercadiño, distribuíndoo entorno ó novo edificio e na praza de Doutor Carús. Mercasa tamén reservou un espazo para as productoras locais.

    Estas actuacións suporían entre 6 e 8 millóns de investimento total, cofinanciados entre as administracións e os comerciantes. O goberno local esperará a contar co respaldo de comerciantes e resto de grupos municipais para xestionar o investimento público por parte do Estado, a Xunta e a Deputación de Pontevedra. De momento, o concello xa conta cun millón e medio de euros, que ten consignado o Ministerio de Vivenda nos orzamentos deste ano.

    Redacción Salnés