Pontevedra foi a provincia con máis accidentes durante a ponte de Aninovo

    SANTIAGO > O 061 de Galicia atendeu na ponte de aninovo a 172 persoas, dos 133 accidentes rexistrados en todo o país.

    Este balance vai dende o venres 28 de decembro ás tres da tarde, á media noite de onte.O 60 por cen das persoas atendidas foron homes, e un 51 por cen deles, tiña entre 15 e 34 anos. Segundo os datos facilitados pola unidade de urxencias sanitarias de Galicia, o día no que se produciron máis sinistros foi o sábado, con 37 accidentes. Por provincias, a de Pontevedra, foi a que contabilizou máis sinistros. En total foron 60 accidentes de circulación os rexistrados na nosa provincia.

    A última vítima mortal nas estradas de Pontevedra, foi unha muller de 45 anos, que faleceu o luns en Silleda, logo de que a furgoneta que conducía batese contra un camión. Nas derradeiras horas do ano non se rexistrou afortunadamente ningunha vítima mortal. Un dato positivo nunhas horas, ás da noite vella, nas que se incrementa o número de desprazamentos e o consumo de alcohol. Si houbo un accidente múltiple con catro feridos, na autoestrada AP-9 ó seu paso por Portas. Foi ás oito desta mañá, e os feridos, dúas mulleres e dous homes con idades comprendidas entre os 30 e os 23 anos, foron trasladadas ó hospital de Montecelo.

    Pero ademais dos datos do 061 respecto á ponte de aninovo, hoxe tamén toca falar do balance do número de mortos nas estradas galegas durante o 2007. E é que este ano 266 persoas deixaron a vida nas estradas de Galicia, dúas máis que no 2006. O carné por puntos, as campañas de prevención, e o aumento da presenza policial nas estradas, non foron suficientes para impedir que aumentase a cifra dos peóns e os motoristas mortos nas estradas. En total, no 2007 foron 106. O único dato positivo deste balance é o descenso nun 10 por cen, do número de mortos en accidentes de turismos e camións.

    Redacción Salnés