A Mancomunidade do Salnés forma un novo grupo de soldadores, oficio cunha alta demanda

MEAÑO>  A Mancomunidade do Salnés, a través de seu plan integrado de emprego, segue formando soldadores. Trátase dun dos obradoiros con máis saídas laborais. Na súa quinta edición formáronse 10 novos alumnos. Como nas anteriores, a presenza feminina cada vez gaña máis peso nun sector tradicionalmente masculinizado. No conxunto das cinco edicións deste curso xa se formaron case 60 candidatos e candidatas.

Dentro do plan integrado de emprego da Mancomunidade do Salnés, un dos cursos que máis interese esperta é o de soldadura. E non é para menos. Trátase dun sector cunha alta demanda de persoal cualificado e con numerosas saídas ao mercado laboral.

Censol, na zona industrial de Meaño, volveu acoller unha nova edición deste obradoiro.

Este venres clausurouse a que foi xa a quinta edición deste curso. Nela participaron dez alumnos e alumnas.

Na visita a estas instalacións, o presidente da Mancomunidade destacou o potencial desta formación. Tamén salientou que nas cinco edicións deste obradoiro, xa se formaron nesta materia preto de 60 persoas.

Ademais, neste mes de abril estanse impartindo a través do programa integrado de emprego da Mancomunidade varias accións formatvias, entre elas, Impresión 3D Multicor con IA, Ciberseguridade, Agricultura Ecolóxica Biointensiva e Carpintería de ribeira.