A explotación de Cabío reabre a polémica entre os pósitos de Arousa

    explotacioncabio_100_040108.jpgAROUSA > O sector marisqueiro inicia o ano cunha nova polémica, despois de que Pesca concedera a xestión do banco de Cabío á confraría da Pobra.

    A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos acaba de publicar o Plan Xeral de Explotación Marisqueira, no que outorga a xestión do banco natural de Cabío á confraría da Pobra. Esta decisión non deixou indiferente ós doce pósitos da ría de Arousa que ata o de agora faenaban libremente na zona, que xa manifestaron a súa oposición á medida.

    Xa o pasado ano, a decisión desatara unha tensa polémica, polo que dende o pósito pobrés optaron daquela por renunciar á xestión específica e adoptaron unha serie de acordos que, segundo o patrón maior, case ningunha confraría cumpriu. Por iso, nesta ocasión non están dispostos a claudicar e sacarán adiante o plan, que ten por obxectivo a explotación sostible e razoada dunha área que, na actualidade, se atopa practicamente abandonada.

    Busca de consenso

    Aínda así, Manuel Maneiro confía en chegar a acordo co resto do sector posto que o plan non suporá ningún prexuízo para o resto das confrarías. A Xunta seguirá a ser a encargada de impoñe-las normas para traballar na zona e o pósito da Pobra soamente asumirá tarefas de vixilancia e loxística. Na busca de consenso, o patrón maior da Pobra ten previsto convocar unha xuntanza a próxima semana cos representantes dos pósitos afectados.

    Intereses partidistas

    Maneiro non entende a oposición frontal contra o plan deseñado polo pósito e considera que existen intereses partidistas por dividir e enfrontar ó sector do mar.

    Insiste en que a única intención da entidade que dirixe é sacar o máximo rendemento para os seus produtores, que na actualidade se atopan en desvantaxe, atendendo á proporcionalidade entre metros cadrados e mariscadores, sen prexudicar ó resto de pósitos que operan na zona.

    {flowplayer}barbanza/explotacioncabio.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza