Rosa Oubiña podería substituír a Xosé Cuíña no Parlamento

    rosaoubina100_040108.jpgCAMBADOS > O Partido Popular esperará a finais deste mes para decidir quen ocupará o escano deixado por Xosé Cuíña no Parlamento …

    … de Galicia. Seguindo a candidatura presentada hai tres anos o posto correspóndelle á cambadesa Rosa Oubiña, quen xa confirmou á dirección do partido a súa disposición.

    A cambadesa Rosa Oubiña podería ocupar a vacante deixada no Parlamento de Galicia por Xosé Cuíña, falecido por enfermidade o pasado venres. O Partido Popular ten previsto abordar o asunto a finais deste mes. Na lista presentada polo PP nas últimas eleccións autonómicas Rosa Oubiña ocupou o posto número 13, xusto despois do deputado lalinense, quedando daquela ás portas do Parlamento. Segundo confirmou a Tele Salnés Barbanza, a ex edil de Cultura de Cambados xa manifestou á dirección do partido a súa disposición a ocupar o escano na cámara galega.

    Nas últimas eleccións municipais, Oubiña formou parte da candidatura encabezada por Xosé Manuel Cores Tourís, pero non en postos de saída. Durante máis de doce anos formou parte activa no goberno municipal, ocupándose en todo ese tempo da concellería de Cultura. Con Cores Tourís foi ademais tenente de alcalde e responsable das áreas de servizos sociais, muller e turismo. Desde mediados de setembro traballa na Deputación de Pontevedra, como persoal de confianza de Rafael Louzán, posto que deixaría en caso de acceder ó Parlamento.

    Redacción Salnés