![]()
PONTECESURES > Algo mais dun kilo de peso, sesenta e cinco euros de prezo e cinco mais, de propina. Son as características da primeira lamprea…
…que se deixou capturar no Ulla esta tempada. Pero hai máis protagonistas nesta historia: Cándido Portas, o valeiro que a colleu; José Luís e Carmen Baleirón, os donos do Restaurante Olivo de Pontecesures, que a mercaron; e a alcaldesa e o conselleiro de Medio Ambiente, os que a degustarán unha vez cociñada.
A primeira lamprea sempre debería quedar en Pontecesures. Así pensan José Luís Baleirón e Carmen, donos do Restaurante Olivo. Foron eles quen mercaron a primeira lamprea capturada no Ulla esta tempada, que comezou o día dous. A lamprea fíxose moito de rogar: a sequía e o baixo caudal do río, fan que as lampreas non baixen e que os valeiros non saian todos a faenar.
José Luís Baleirón leva algo máis dun ano rexentando, xunto a súa esposa e socia Carmen, o Restaurante Olivo. Ambos están de acordo en que hai que potenciar e promocionar o consumo da lamprea na zona na que se colle, por iso non dubidaron en pagar o prezo que puxo o valeiro, e amais, unha propina.
A alcaldesa de Pontecesures, Maribel Castro, mostrou interese polo tema dende o principio e será a encargada de organizar aos comensais que gozarán desta lamprea. Entre eles, barállase a idea de contar co conselleiro de Medio Ambiente.
O éxito está asegurado. Por unha parte a “bordalesa mellorada” de José Luís, e pola outra, o indispensable toque máxico de Carmen, na atención.
Os valeiros de Cesures agardan que nos próximos días sexan máis os peixes desta especie os que caian nas nasas, e a campaña comece así a dar os seus froitos.
Redacción Salnés







