SANXENXO> A Mancomunidade do Salnés rodéase de expertos para buscar as claves cara a desestacionalización turística. Hoxe o Real Club Náutico de Sanxenxo acolleu o Foro de Turismo, unha cita dirixida a analizar as diferentes potencialidades da zona para atraer visitantes tamén fóra da tempada alta.
O programa da xornada dividiuse en catro mesas. A primeira estivo centrada no Xacobeo 2027. Tanto esta cita como o Camiño, foron sinalados como instrumentos estatréxicos para redistribuír os fluxos turísticos ao longo do ano e do territorio.
O turismo deportivo centrou a seguinte cita do programa. Neste caso, os relatores analizaron o seu papel como un activador de demanda en tempada baixa e media.
Baixo o título ‘Turismo náutico: desestacionalización, produto e deseño do destino’, a terceira mesa redonda analizou a náutica como un produto con capacidade para diversificar a oferta turística do Salnés e das rías de Arousa e Pontevedra.
Unha charla ao redor da enogastronomía despediu a programación. Neste caso, abordouse como unha experiencia de éxito.
As tres primeiras mesas redondas estiveron moderadas polo experimentado xornalista Pedro Piqueras. A última, dedicada á Enogastronomía, foi dirixida por Manuel Villanueva, ex director xeral de contidos de Mediaset España. A xornada rematou cunha experiencia singular, ‘Lanceata’. Unha viaxe teatralizada pola historia e os segredos da Lanzada.











