MEIS> Cúmprense xa tres anos dende que o grupo Muriel Wines adquiriu Pazo Cilleiro, unha adega enclavada en pleno corazón do Salnés, no concello de Meis. Dende entón, xa puxeron en marcha dous plans para ampliar a súa produción. Actualmente comercializan máis de 700 mil botellas, principalmente no estranxeiro. Aínda que o obxectivo é medrar ata o millón e medio en cinco anos.
No ano 1995, Pazo Cilleiro comezaba a súa andaina no concello de Meis. Tras varios cambios de propiedade, no 2015 caeu en mans do grupo Muriel Wines. A operación supuxo un novo comezo para a adega, que apostou dende un principio polo crecemento.
A día de hoxe, xa teñen en marcha o segundo plan de ampliación das instalacións meisinas. Unha vez rematado, a adega terá practicamente triplicada a súa superficie inicial.
Este crecemento en superficie virá acompañado dun crecemento na produción e na comercialización. Recoñecen que a crise se deixou notar, aínda que foi menos dura que noutros sectores. Unha vez superada, os plans de futuro son alentadores.
Estas cifras demostran unha aposta clara do grupo Muriel Wines por Pazo Cilleiro e, por suposto, pola Denominación de Orixe Rías Baixas.
Pero, como é este viño que conquista os mercados internacionais? Pazo Cilleiro é un branco que expresa a variedade albariña. Faise no viñedo, limitando a intervención na adega. E apostando sempre pola calidade.
Pazo Cilleiro provén de uvas do Salnés. Os viticultores están repartidos pola comarca, e achegan a mellor materia prima, coidada con mimo dende o principio. A día de hoxe, son preto de 230 produtores os que traballan para Pazo Cilleiro, sumando ao redor de 130 hectáreas de viñedo.
Durante a súa vida, este albariño Pazo Cilleiro xa colectou varios galardóns a nivel internacional. Uns recoñecementos moi importantes no seu camiño para seguir medrando fóra das nosas fronteiras e avanzar na conquista do mercado nacional, grazas a este monovarietal que expresa O Salnés nunha copa.