![]()
O GROVE > A Escola Obradoiro de Hostalería do Salnés II, da Mancomunidade, convidou ao prestixioso cociñeiro Óscar López…
…a elaborar un menú degustación de cociña moderna. O obxectivo é que os 15 alumnos da especialidade de cociña aprendan novas técnicas, de man dos mellores profesionais.
O atractivo menú, do que puidemos dar conta, non lle tiña nada que envexar ó de algún restaurante de deseño. Óscar López, o cociñeiro convidado, un tímido home de vintecatro anos que xa posúe unha contrastada experiencia profesional. Dende que fora aprendiz de Carlos Oroza xa pasou por restaurantes de prestixio da zona, como Pepe Vieira, Xasa Cees, Berlina ou Albariñas.
Os rapaces que aprenden cociña na escola obradoiro puideron empaparse dos consellos e trucos de Óscar López, e compartir os pratos finais co resto de alumnos, profesores e prensa.
O menú estaba composto por gominola de aceite de oliva en dúas texturas. Berberechos con gelatina de limón. Salada tempada de lagostinos ó punto con foie de pato e ovo a 50 graos. Falso consomé. Pescada ó punto con soja e un espectacular postre: explosión de plátano confitado con crema de chocolate y cinza de mapoula.
Os cursos da escola duran dezaoito meses, os primeiros seis tódolos participantes son becarios e despois se lles fai un contrato laboral en prácticas.
A idea é que os rapaces saian preparados para afrontar a procura dun posto de traballo.
Redacción Salnés







