SANXENXO> Comezan as obras de transformación do antigo colexio do Cruceiro, en Sanxenxo, nun espazo lúdico. Ademais, as instalacións tamén acollerán a parte práctica do ciclo de FP de Hostalaría e Restauración que se imparte no instituto de Vilalonga. O proxecto ten un orzamento de case tres millóns de euros, dos que case dous proveñen de fondos europeos. A reforma estará rematada dentro dun ano.
Dentro de 12 meses a transformación do antigo colexio do Cruceiro, en Sanxenxo, será unha realidade. O centro, con case 2.000 metros cadrados de superficie, converterase nun espazo con capacidade para actividades educativas e lúdicas. A planta baixa acollerá un espazo cívico para rapazada e maiores, con zonas de estar e biblioteca.
O andar superior acollerá a parte práctica do ciclo de FP de Hostalaría e Restauración que se imparte no instituto de Vilalonga.
O proxecto contempla a rehabilitación integral deste edificio, xunto coa posta a punto da contorna.
A actuación conta cun orzamento de case 3 millóns de euros. Case dous proveñen de fondos europeos, a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos do goberno central. O millón restante apórtao o concello de Sanxenxo con fondos propios.











