López e Varela poñen a reforma de Fontecarmoa como exemplo de cooperación entre administracións

VILAGARCÍA> A pista de atletismo de Fontecarmoa, en Vilagarcía, estrea nova iluminación. As obras nesta instalación deportiva encaran a súa recta final, coa mellora do tapiz que permitirá a esta pista acoller competicións oficiais. Esta mañá visitaron o espazo o alcalde da cidade e o presidente da Deputación de Pontevedra, que subliñaron a importancia da colaboración entre administracións.

Son varias as melloras que viviu o complexo deportivo de Fontecarmoa nos últimos anos. Nestes momentos, os traballos céntranse na pista de atletismo. Por unha banda, co cambio da iluminación, que permitiu ademais reforzar o número de focos. Pola outra, coa renovación do tapiz da pista. Dúas actuacións que supoñen un investimento de 165.000 euros financiados integramente pola Deputación de Pontevedra. Esta mañá o presidente provincial destacaba a importancia deste proxecto, xa que a reforma permitirá homologar esta pista para acoller competicións oficiais.

Luis López vai máis alá, lembrando a aposta do goberno provincial por este complexo deportivo, que nos últimos anos foi obxecto de distintas melloras con ata 3 millóns de achegas da Deputación.

O alcalde de Vilagarcía recoñeceu o papel que xoga a Deputación neste complexo deportivo, destacando o esforzo de todas as administracións para a súa renovación.

Varela tendeu a man ao presidente da Deputación para seguir traballando xuntos e pediulle que todosa os investimentos provinciais “estean o menos condicionadas posibles” para que sexan os concellos os que decidan onde queren destinar os fondos, como é o caso do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

A previsión é que a actuación nesta pista de atletismo estea rematada a finais de novembro.