O fiscal acusa de malversación de fondos ó xefe da Policía Local da Pobra

    gigirey_100_100108.jpgPOBRA > A fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de solicitarlle ó Xulgado de Ribeira a apertura dun xuízo oral contra o xefe da Policía Local da Pobra, Luís Gigirey.

    O xornal El Correo Gallego publica na súa edición de hoxe a decisión do fiscal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de xulgar ó xefe da Policía Local da Pobra, Luís Gigirey, por un presunto delicto de malversación de fondos públicos.

    Denuncia colectiva

    Aínda así, a denuncia non é nova e remóntase xa a hai catro anos, cando once dos trece axentes do corpo da Policía Local da Pobra, asinaron un escrito no que denunciaban as supostas irregularidades cometidas por Gigirey no cobro de multas entre os anos 2002 e 2004. Daquela os grupos da oposición, tanto o BNG coma o PSOE, fixéronse eco da polémica e mesmo o executivo local se veu obrigado a anula-la convocatoria da praza de sarxento para este corpo.

    Cobro irregular de multas

    O fiscal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia considera agora probado que Gigirey cobrou un total de cinco multas sen ingresa-lo correspondente diñeiro nas arcas municipais, nin tampouco na Xefatura Provincial de Tráfico, obtendo presuntamente un beneficio patrimonial ilícito pola súa parte. En total, segundo a fiscalía, o xefe da Policía Local pobresa apropiouse dunha cantidade de 1.381 euros.

    Fontes desta redacción intentaron sen éxito poñerse en contacto con Luís Gigirey e dende o concello informóusenos de que se atopaba enfermo, polo que levaba varios días sen ir a traballar. No referente a estes feitos o alcalde, Isaac Maceiras, sinalou que agardará á resolución do Xulgado para tomar unha determinación ó respecto.

    O fiscal pide para o xefe da Policía Local pobresa dous anos de cárcere, a suspensión do cargo durante tres anos e unha multa de 1.860 euros, así como tamén as costas do xuízo e unha indemnización ó concello por valor duns 976 euros.

    {flowplayer}barbanza/gigirey.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza