Alcalde e veciños levan a súa defensa do tren de cercanías ó Parlamento

    robertovazquez100_140108_001.jpgPORTAS > O alcalde de Portas levará mañá ós seus veciños de excursión a Santiago para defender o tren de cercanías

    … Roberto Vázquez busca así respaldo para as entrevistas que ten concertadas con diversos grupos parlamentarios. A axenda do rexedor incluía encontros co PSOE e co PP, aínda que finalmente, só os recibirán os populares.

    Roberto Vázquez lembra que a estación de Portas dá servizo non só ós veciños deste concello, senón de Caldas, Barro ou Moraña. O alcalde xa conta co compromiso verbal da conselleira de Política Territorial de que o tren de cercanías parará en Portas, pero isto non lle basta. ‘Queremos que nolo poña por escrito, senón non pararemos coas medidas de presión’, indicou Roberto Vázquez. O Concello ten solicitadas outras reunións co presidente e co vicepresidente da Xunta, con ADIF e co subdelegado do Goberno.

    O curioso é que á par das accións do goberno local, tamén están as reivindicacións da coordinadora de afectados Portas non pode perder o tren, que esta tarde se reuniu co PSOE no Parlamento. Isto para o alcalde non é negativo, posto que ‘o esencia é facer ruído para que nos fagan caso’. Para a excursión de mañá a Santiago, o Concello espera reunir ata 4 autobuses que sairán ás dez da mañá das paradas de costume en Lantaño, Romai, Briallos e Portas.

    Redacción Salnés