Veciños do Outeiro, en Cornazo, sufriron hoxe unha choiva de pedras

    voaduras_cornazo100_140108.jpgVILAGARCÍA > A media mañá de hoxe os veciños do Outeiro, en Cornazo- Vilagarcía, asistiron de novo a unha autentica choiva de pedras.

    Eran ás 12.30 da mediodía cando estes vilagarciáns se atopaban facendo os seus quefaceres diarios cando de socato, comezaron a chover pedras de ata 40 kilos de peso ou de medio metro de diámetro, estragando canto atopaban o seu paso. A sorte quixo que de momento, só se visen afectados efectos materiais como alpendres, coches e tellas de vivendas e garaxes.

    voaduras_cornazo200_140108.jpgNeste lugar é raro o tellado que non ten un par de furados provocado polas pedras que choven regularmente. A postura destes veciños é clara; eles están a favor de que se fagan as obras posto que supoñen un ben para o interese común, porén están en contra do xeito en como se están realizando, poñendo en perigo a súa integridade física.

    Esta curiosa choiva é froito das voaduras que se realizan nas obras do futuro vial de acceso ó Porto de Vilagarcía. Os afectados denuncian que nun primeiro momento, os empregados da empresa Spano aínda lles avisaban do momento da voadura pero agora nin eso.

    Na súa desesperación para intentar atallar estes danos, os veciños interpuxeron hoxe unha denuncia ante á empresa adxudicataria para que tomen as precaucións oportunas cando usen explosivos e que se fagan responsables dos desperfectos producidos ate o de agora.

    Esta mesma tarde técnicos da empresa visitaban o lugar das obras, e lonxe de aplacar os ánimos dos veciños, déronse á fuga cando constaron a presencia dos medios de comunicación, argumentando que lles tiñan prohibido facer calquera declaración ó respecto.

    Ante o feito de que ninguén intercede por eles, os veciños acordaron ser eles mesmos quen paralicen as voaduras de mañá pola mañá.

    Redacción Salnés.