![]()
RIANXO > O PPdeG organizou un acto para dar a coñecer o alcance do anteproxecto da Lei de Pesca que está a elabora-la Xunta de Galicia.
Ata a vila rianxeira achegáronse os deputados Manuel Ruíz e Xosé Manuel Balseiro que expuxeron a vísión do seu partido a este respecto. Segundo os populares o Goberno Autonómico debería reconsidera-la súa postura, ó entender que o sector precisa dunha ordenación legal, acorde cos tempos e xurdida do consenso.
Intervencionismo
O portavoz parlamentario do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, alertou en Rianxo que o anteproxecto de lei de pesca que está a elaborar a Xunta constitúe un exemplo de intervencionismo rexeitable que, entre outras medidas, prevé a privatización do salvamento marítimo e fixa criterios arbitrarios para concesión das bateas, que poderían mesmo chegar, segundo el, á expropiación.
Para os populares a nova a lei de Pesca que a Xunta pretende promulgar nos vindeiros meses busca a desaparición das confrarías de pescadores. Segundo eles o goberno bipartito pretende que o oco deixado polos pósitos, que veñen operando como organizacións de produtores, sexa ocupado por entidades maleables e susceptibles de ser teledirixidas dende a Xunta.
No acto celebrado na Casa de Cultura rianxeira tamén participou o voceiro de Pesca do PpdeG que reivindicou a elaboración dun novo texto legal que permita superar a parálise lexislativa que afecta ó bipartito e ofreza ó sector unha norma axeitada ás necesidades do momento, xa que a lei anterior, do ano 93, quedou desfasada.
Competencias autonómicas
En Rianxo, os parlamentarios populares puxeron de manifesto a necesidade de que a nova lei consolide as competencias autonómicas en materia de Pesca xa recollidas na lei de 1993, que fora obxecto de recurso de inconstitucionalidade promovido polo Goberno Central e que acabou gañando a Xunta.
Plan Acuícola
Ademais, os populares galegos reclaman unha regulación rigorosa da acuicultura mariña, fixando garantías legais para o desenvolvemento desta actividade de acordo con criterios de rendibilidade económica e sustentabilidade ambiental, para consolidar a Galicia como líder mundial nesta actividade. Este sería o punto de partida para promulgar un Plan Rexional de Ordenación da Acuicultura que sirva para acabar, segundo eles, co caos que a actual Consellería de Pesca levou ó sector. Neste sentido fixeron alusión a que a nova norma debería estipular con claridade aspectos diversos como as concesións en zonas marítimo-terrestres e marítimas, os dereitos e obrigas dos concesionarios e os permisos de actividade.
Entre as medidas de fomento da acuicultura, Balseiro tamén defende establecer zonas de interese para cultivos mariños e regula-los criterios de priorización para a asignación de axudas públicas ás empresas deste sector.
No relacionado coa comercialización, manipulación e transformación dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, o PPdeG considera imprescindible actualizar tamén a normativa aplicable a esta actividade, potenciando as medidas de control da calidade e procedencia do peixe e marisco, e potenciando a promoción das producións que teñan como orixe a Comunidade Autónoma.
{flowplayer}barbanza/pprianxo.flv{/flowplayer}
Redacción Barbanza








