Porto do Son homenaxea a Ramón Sampedro no 10º aniversario da súa morte

homenaxeramonsampedro_100_140108.jpgPORTO DO SON > A Asociación Dereito a Morrer Dignamente e veciños e amigos de Ramón Sampedro rendéronlle esta fin de semana unha homenaxe.

Transcorridos xa dez anos da morte de Ramón Sampedro, o seu espírito segue máis vivo ca nunca en Porto do Son, onde cada ano por estas datas a organización Dereito a Morrer Dignamente lle rende unha homenaxe.

Este domingo, representantes desta asociación, así como amigos e familiares de Sampedro protagonizaron un acto no seu recordo na praia das Furnas, en Xuño, onde tivo lugar o tráxico accidente que o mantivo postrado nunha cama case toda a súa vida. Tras realizar unha ofrenda floral no mar, procedeuse á lectura de fragamentos da obra de Sampedro.

Dereito fundamental

Pero a homenaxe non se limitou á emotiva ofrenda celebrada o domingo senón que durante toda a fin de semana desenvolvéronse actos en lembranza de Ramón Sampedro consistentes en reivindicar a eutanasia como un dereito fundamental de tódalas persoas.

O sábado procedeuse á inauguración dunha exposición na casa da cultura de Porto do Son que recolle diverso material da vida e obra de Ramón Sampedro. Posteriormente desenvolveuse unha mesa redonda no Centro de Interpretación do Castro de Baroña, titulada ‘O dereito a morir’.

Ademais de amigos e familiares de Sampedro, nos actos na súa memoria participaron voluntarios da Asociación Dereito a Morrer Dignamente procedentes de toda España e mesmo doutros países así como a presidenta da Federación Mundial, Jacqueline Herremans. Todos reivindicaron a figura de Sampedro como un referente en prol dun dos dereitos humanos fundamentais: o de decidir sobre a propia vida.

O vindeiro ano, a praia das Furnas volverá encherse de música, poesía e, sobre todo, da lembranza de Ramón Sampedro que, dez anos despois da súa morte, segue vivo na memoria daqueles que tiveron a oportunidade de coñecelo.

{flowplayer}barbanza/homenaxeramonsampedro.flv{/flowplayer}

Redacción Barbanza