O emblemático veleiro ‘Nauja’ realizará rutas pola Ría de Arousa

    veleironauja_100_270707.jpgPOBRA O programa ‘Achégate ó mar’ desenvolverá rutas turísticas pola Ría de Arousa e Parque Nacional das Illas Atlánticas dende o porto da Pobra.

    A colaboración entre a empresa Acquavisión Galicia e o concello da Pobra fixo posible o deseño do programa turístico-medioambiental ‘Achégate ó mar’ que se vai poñer en marcha a primeiros de agosto.

    Os martes e os xoves partirá dende o porto pobrés o emblemático veleiro Nauja. A ruta percorrerá a cara norte da Illa de Arousa, navegando entre Punta Cabío, as illas de Rúa e Xidoiros e a costa do Barbanza ata chegar á Illa de Sálvora, onde se poderá realizar unha visita guiada.

    Turismo activo

    A través deste programa preténdese potenciar un novo tipo de turismo activo, implicando ós participantes na navegación, ó mesmo tempo que se da a coñecer a riqueza natural da ría de Arousa e a importancia do patrimonio marítimo exemplificado no Parque Nacional das Illas Atlánticas.

    Os responsables de Acquavisión Galicia e Arousa Vela elixiron o concello da Pobra para desenvolver o seu programa polo seu potencial turístico asíi como a súa privilexiada situación para a navegación ata os enclaves máis destacados da ría.

    Aínda que as saídas están proxectadas para martes e xoves, pola mañá e pola tarde, poderase ampliar a frecuencia das rutas no caso de que así o demanden os visitantes. O prezo por persoa rondará os quince euros, sendo o número máximo de pasaxeiros en cada viaxe de 25 persoas.

    Aínda que está previsto que estas rutas se prolonguen ata mediados de setembro, concello e empresas están a estudar a posibilidade de continuar coa súa colaboración a través de programas escolares.

    Redacción Barbanza