As confrarías presionarán a Pesca para evitar a xestión única de Cabío en mans da Pobra

    reunionconfrarias_100_160108.jpgBARBANZA > Os patróns maiores de Arousa mantiveron unha xuntanza para establecer as accións a seguir no conflicto xurdido pola xestión de Cabío.

    A traxedia do naufraxio do pesqueiro Cordeiro atrasará algúns días a posta en marcha de varias medidas de presión que se levarán a cabo ante a Consellería de Pesca e que se acordaron durante a xuntanza.

    Rexeitamento unánime

    As confrarías da ría de Arousa non teñen intención de ceder un ápice no tocante a xestión do banco de libre marisqueiro de Cabío. A comezos deste mes de xaneiro os representantes das confrarías adoptaron por unanimidade rexeitar a resolución de Pesca ao considerar que Cabío debería ser xestionado conxuntamente polas 12 confrarías, algo que xa se viña facendo ata o de agora. O silencio da Consellería, que non atende a petición de convocar unha xuntanza con eles, xerou un profundo malestar no seo dos pósitos arousáns e da Barbanza.

    Na reunión deste mércores estiveron presentes todos os dirixentes das confrarías da ría de Arousa, a excepción do patrón maior de Ribeira e o de O Grove. Os dirixentes dos cabildos arousáns consideran que o plan de xestión de Cabio presentado pola confraría da Pobra e aprobado por Pesca o pasado decembro modifica o Plan Xeral de Explotación Marisqueira de 2007, vixente tamén no 2008.

    As preto de 200 embarcacións da flota da Illa de Arousa serán as máis prexudicadas por esta decisión, que tamén afecta aos mariñeiros asociados ao pósito de Palmeira e ao de Cabo de Cruz.

    O banco natural de Cabio é un dos máis productivos e rendibles da ría, ao que os productores adoitan acudir con máis frecuencia da que van aos Lombos ou ao Bohído. Hai uns días, Manuel Maneiro, patrón da confraría da Pobra intentou achegar posturas mantendo unha reunión co resto de dirixentes, con escaso éxito de convocatoria.

    ‘Apropiación’

    O distanciamento entre ambas partes acrecentouse logo de que Maneiro anunciara a súa intención de recuperar un millón de metros cadrados do banco de Cabio que tradicionalmente pertenceron a confraría pobresa. Segundo afirmou González este anuncio vén a confirmar o seu temor de que Maneiro se intenta apropiar do banco marisqueiro de Cabio. 

    A situación xerada por este enfrontamento ten visos de alongarse no tempo. Malia todo, González espera que se impoña o sentido común e que Cabio non volte ser, de novo un motivo de loita entre os pósitos da Arousa.

    {flowplayer}barbanza/reunionconfrarias.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza