O PP reservará un posto de saída para o Salnés na lista ó Congreso

    SALNÉS > Ó igual que PSOE e BNG, o PP podería reservar o número tres para o Salnés na candidatura ó Congreso pola provincia de Pontevedra. Segundo indicaron fontes do partido a TVSB

    … esta comarca estará moi ben representada, aínda que non se desvelaron nomes. Nos próximos días está prevista unha reunión do comité provincial do PP.

    O PP mantén aínda a incógnita sobre a presencia do Salnés nas candidaturas que presentará ás eleccións do 9 de marzo. De momento, está confirmada Ana Pastor como cabeza de lista ó Congreso pola provincia de Pontevedra. Entre os cinco primeiros haberá outra muller e tres homes. O número dous sería para Vigo e o tres podería recaer no Salnés, xa que segundo puido saber TVSB esta comarca estará moi ben representada na candidatura popular.

    Precisamente, o número tres foi o escollido tanto polo PSOE como polo BNG para colocar a políticos do Salnés no Congreso. Os socialistas repiten co cambadés Domingo Tabuyo, que é deputado no Congreso desde o 2004. Mentres que o BNG apostou pola vilagarciá Rosa Abuín, actual concelleira de Industria e Promoción Económica no concello arousán. No seu caso, a proposta foi aprobada xa pola asemblea do Salnés e resta que reciba o referendo do consello nacional do BNG este sábado.

    En canto ás listas para o Senado, fontes do Partido Popular indicaron que haberá unha profunda renovación, polo que poderían caer Carlos Mantilla e Dolores Pan.

    Redacción Salnés