SANXENXO > Unha coñecida firma coruñesa do sector textil preparou o seu catálogo primavera- verán 2006 no Porto Deportivo de Sanxenxo. Un grupo de estilistas, fotógrafos e publicistas traballaron xunto a unha modelo internacional recén chegada de París, que posou con algunha das prendas que a empresa comercializará o vindeiro ano por todo o mundo. As instantáneas foron tomadas en diferentes emprazamentos do Porto.
VIRIATO s.a. escolleu Sanxenxo para tomar as fotografías que promocionarán por todo o mundo as prendas de xénero de punto exterior que deseñan e producen na localidade coruñesa de Ordes dende hai máis de 50 anos. Cúmprese así unha das funcionalidades pretendidas nesta instalación náutica dende que o concello adquiriu a zona hai 3 anos, como é a de acoller tamén actividades alleas ó mundo do mar que sirvan de promoción do concello e reclamo turístico por todo o mundo.
O fotógrafo Javier Herranz, acompañado de estilistas e axudantes, compuxeron ó longo de todo o día as distintas esceas que formarán parte do catálogo, que estará a partir de febreiro nas máis de 700 tendas propias que reparte a empresa por todo o mundo, así como en boutiques multimarca e nas tendas especializadas de El Corte Inglés. Ademais, as instantáneas tamén aparecerán na publicidade en prensa, polo que o emprazamento escollido será visto por centos de miles de persoas: Xapón, Kuwait ou Hong Kong son algúns dos lugares ata onde viaxará a imaxe de Sanxenxo.
A modelo alemana Sara Holmm chegaba procedente de París, onde traballa para a prestixiosa axencia de modelos Elite. Ela será a imaxe da empresa para a próxima tempada primavera- verán 2006. Ademais, o Porto Deportivo volverá acoller unha actividade allea á náutica o vindeiro 22 de decembro, cando Citröen presente, mundialmente, o seu novo modelo de automóbil. Sanxenxo volverá estar por tanto, dentro de 15 días, no centro de tódalas miradas.
Redacción Salnés