Rosa Abuín demostra con datos, os bos resultados de Fexdega

    rosaabun100_170108_001.jpgVILAGARCÍA > A concelleira do Área de Innovación, e Promoción económica, Rosa Abuín falou esta mañá da programación de eventos

    …previstos para o ano en Fexdega. Saíu ó paso das críticas do PP, que falaban da pasividade do concello nese tema e criticaban a pouca proxección do calendario 2008 na Fundación.

    Rosa Abuín quitoulle importancia a estas declaracións do PP, porque as considera infundadas. O calendario para o dous mil oito en Fexdega aínda non está pechado, e así todo, xa teñen uns once eventos preparados.

    Argumentou ademais a súa defensa, con datos que reflicten que dende dous mil tres, Fexdega foi crecendo, non só en número de eventos, que nese ano foron seis, se non tamén co impacto socio económico que deixan as feiras en Vilagarcía.

    Segundo Abuín, non se poden facer sempre as mesmas feiras cos mesmos expositores, pois chegaría un momento que non terían tirón para os visitantes. No caso de Imaxinaria, pensan facer unha feira bi- anual, porque segundo Rosa Abuín, non hai tantos inventos como para facela anual, entón, habería que repetir tódolos anos o mesmo.

    Respecto ao Salón Erótico do Atlántico, SEDA, resaltou que non é que non se faga en Fexdega, senón que este ano, non se levará a cabo en ningures.

    As feiras da Construción e das Panaderías, decidiron celebralas en Vigo, para non facelas sempre no mesmo recinto feiral. E os datos da Capital do Móbel, falan por si solos: o impacto socio- económico que deixou no concello foi dun millón de euros, do que tamén se beneficiou directamente a hostalería vilagarciana.

    Dende o Concello pensan que están a facer ben as cousas innovando con feiras como o Salón do automóbil e Xardín Art, apostando ademais polo bo facer do equipo de dirección da Fundación, encabezado polo Xerente Francisco Rodríguez.

    Redacción Salnés