Paco & Lola aventúrase no comercio ‘online’ para potenciar as súas vendas

    MEAÑO> A adega de Meaño Paco & Lola está a impulsar unha nova liña de negocio online para potenciar as súas vendas. O proxecto xurdiu a raíz de que a cooperativa se acolleu ó programa do Igape ReAcciona. O plan pon a disposición das empresas unhas serie de servizos de consultoría que lles permiten detectar aspectos fortes e débiles na súa xestión e vías polas que mellorar a actividade. Con 428 socios, Paco & Lola é na actualidade a cooperativa da Denominación de Orixe Rías Baixas de maior envergadura. A súa traxectoria é moi nova, preto de oito anos, pero neste tempo lograron situar xa os seus viños en máis de 40 países de todo o mundo. A súa aposta por unha imaxe de marca vangardista e a internacionalización estalles a permitir comercializar máis do 60 por cento da súa produción fóra de España. O crecemento é rápido e as liñas de negocio a explorar aínda moitas. De aí que hai dous anos decidiran sumarse ó programa ReAcciona impulsado polo Instituto Galego de Promoción Económica. Paco & Lola empregou catro servizos deste programa Reacciona e na actualidade está a concluír os dous últimos. Entre eles unha nova liña de negocio a través de internet que lles permita impulsar as vendas directas ó cliente final. A aposta por estes mercados exteriores está a permitir a adega ampliar a súa marxe de vendas. Segundo os datos facilitados, o ano pasado pecharon o exercicio cun aumento do 20 por cento en facturación. Segundo explicou o director xeral do Igape, nestes intres mantense aberto o prazo para que as empresas que como Paco & Lola desexen acollerse ó Plan ReAcciona poida presentar as súas solicitudes. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/24/pacololareacciona.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/24/VISITA_PACO_LOLA.mp4{/flowplayer}