Posposta a declaración do patrón do Cordero polo seu delicado estado de saúde

    RIBEIRA > Dous dos superviventes do naufraxio do Cordero declararon hoxe na Capitanía Marítima. Trátase do ribeirés José Manuel Parada e o indonesio Hendra Hermawan …

    … que aportaron os datos técnicos relativos ó accidente para elaborar os correspondentes informes que serán remitidos á Comisión Nacional de Investigación de Sinistros Marítimos. A pesar de que o patrón do Cordero, Marcos Ures, foi dado de alta esta mañá non se agarda que a súa declaración se produza polo de agora, debido ó seu delicado estado de saúde.

    A pesar da gran expectación mediática que rodeaba esta mañá as primeiras declaracións dos superviventes do Cordero, poucos datos trascenderon do contido das súas revelacións. Arredor das once da mañá chegaban á capitanía marítima de Ribeira dous dos supervivenres, José Manuel Parada e Hermawan, acompañados do armador do Cordero, José María Santiago, e diverso persoal da embaixada de Indonesia en España en calidade de intérpretes. Durante máis de catro horas, os mariñeiros relataron os dramáticos momentos vividos durante a madrigada do amrtes, cando se afundiu o arrastreiro, aportando unha serie de datos técnicos que serán remitidos á Dirección Xeral da Mariña Mercante en Madrid.

    Polo momento, e a pesar da expectación que rodea o suceso, as autoridades marítimas non poden adiantar ningún dato relativo á investigación, xa que así o establece a normativa internacional de investigación de accidentes marítimos. Será a comisión nacional a encargada de extraer as conclusións das declaracións dos superviventes e determinar as responsabilidades que sexan necesarias.

    Agora resta a declaración do outro mariñeiros que logrou saír con vida do naufraxio, o patrón do barco, Marcos Ures. Polo momento, non se fixou data para a súa comparecencia posto que, a pesar de que xa foi dado de alta do Hospital Juan Canalejo da Coruña, aínda presneta un estado piscolóxico moi delicado. Mentres tanto, continúa a busca dos catro desaparecidos cun intenso dispositivo de medios aéreos, marítimos e terrestres coordinado de forma conxunta entre o Ministerio de Fomento e a Consellería de Pesca.

    SENTIDA HOMENAXE

    A cidade de Ribeira rendeu esta fin de semana unha sentida homenaxe ós desaparecidos no naufraxio do arrastreiro Cordero. Miles de veciños, amigos e familiares dos mariñeiros ateigaron a lonxa da localidade onde o arcebispo de Santiago oficiou unha misa na súa memoria. Xunto a eles, unha ampla representación de autoridades presidiu a cerimonia, amosando así a súa solidariedade coas familias dos desaparecidos. Miles de persoas acudiron na tarde do sábado a darlle o seu último adeus ás vítimas do naufraxio do Cordero.

    O multitudinario funeral tivo lugar na lonxa da localidade que quedou pequena para acoller a tódolos veciños, amigos e autoridades que quixeron testemuña-lo seu pésame ás familias. Alí estaban, xunto ós familiares dos falecidos Francisco Alboreda Rey, José Alfonso Sotelo e Alberto Otero, os superviventes deste tráxico naufraxio, o ribeirés José Manuel Parada e o indonesio Hendra Hermawan. Tamén unha representación da ambaixada de Indonesia en España lembraba ós dous cidadáns indonesios falecidos no accidente do Cordero: Slamet Hermanto e Rudyanto Wayudi.

    Á misa, oficiada polo arcebispo de Santiago, Xulián Barrio, asisitu unha ampla representación da clase política galega: o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, o vicepresidente Anxo Quintana, a ministra de Pesca, Elena Espinosa, o delegado do goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras, e os conselleiros de Pesca e Traballo, Carmen Gallego e Ricardo Varela, respectivamente. Tampouco faltaron os alcaldes de toda a comarca e representantes das corporacións así como deputados de tódalas formacións políticas. Durante a homilía, ademais do recordo ás cinco vítimas mortais do Cordero, o arcebispo de Santiago tivo unha lembranza para todos aqueles mariñeiros falecidos, que, a pesar do seu profundo coñecemento do mar atoparon a morte no seu medio de traballo.

    O acto fúnebre converteuse ademais nun chamamamento a autoridades, empresas e sociedade en xeral, co fin de incrementar a seguridade no mar e melloras as condicións de traballo daqueles que a diario telen que saír a faenar. Os momentos máis tráxicos da xornada vivíronse xa rematada a cerimonia cando os asistentes ó funeral quixeron testemuña-lo seu pésame ós familiares que agradeceron, visiblemente emocionados, a manifestación de solidariedade do seu pobo.

    {flowplayer}barbanza/declaracionscordero.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza