O novo módulo da residencia de AMICOS entrará en servizo a principios de 2026

BOIRO> A directora Xeral de Persoas con Discapacidade desprazouse ata o Centro Residencial de AMICOS, en Comoxo. Alí, tivo ocasión de supervisar o avance das obras do novo módulo da residencia nas que a Xunta inviste 1’2 millóns de euros.

AMICOS traballa na mellora das súas instalacións coa ampliación do centro de día e da residencia que avanza cara un novo modelo con maiores prestacións para os usuarios.

A directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta visitou esta mañá as obras do novo módulo, no que a administración autonómica investiu 1’2 millóns de euros. Ademais do avance dos traballos, Begoña Abeijón coñeceu de primeira man as actividades que se realizan no centro de día e nos talleres ocupacionais así como os programas que ten en marcha a entidade e que lle fixeron merecedora de dous premios recentemente tanto a nivel estatal como europeo.

Na actualidade, AMICOS conta con máis de 70 empregados que prestan servizo a un cento de persoas de toda a comarca. Tan só na residencia, conviven preto de 40 usuarios que contan con todo tipo de servizos que se verán mellorados con esta ampliación que poderá entrar en servizo a principios do ano que vén.