As confrarías de Arousa desconvocan a folga prevista

    confraracambados_100.jpgCAMBADOS > O patrón maior de Cambados, Benito Gonzalez, convocou para esta tarde unha asemblea extraordinaria de socios…

    … para darlles conta das últimas novidades respecto o asunto da explotación do banco de libre marisqueo de Cabío. Este patrón asegura que arestora a situación está desbloqueada e que non é mester seguir adiante cas mobilizacións previstas para este venres. A solución pasou, segundo el, por que a Xunta e a Confraría da Pobra recuasen nas súas posturas.

    No tocante á contraprestación que solicita a confraría da Pobra, González asegura que só é un prantexamento que terá que pasar por varias sesións de cumprido e dilatado diálogo. Benito Gonzalez desminte que a Pobra non teña as concesións suficientes; senón que ten un cumprido número de metros cadrados para traballar; máis que moitas outras confrarías dos dous lados da ría.

    O que habería que falar é de porque esta extensión non é suficiente para o número de socios cos que conta. O cambadés engade que o estado actual das concesións é o froito das vicisitudes que se deron nas dúas décadas anteriores, e que a Consellería de Pesca non é quen para alteralos.

    Nos vindeiros meses, as confrarías da ría de Arousa presentarán un plan conxunto de explotación de Cabío, que prolongue o actual, que remata o vindeiro 31 de marzo, ata finais de ano.

    Redacción Salnés.