Vilanova regulará a afluenza no Terrón cortando a entrada en vehículo a foráneos

VILANOVA> Xa o anunciaran a semana pasada: ao concello de Vilanova non lle tremerá o pulso á hora de controlar o aforo nos seus areais. No caso da praia do Terrón xa o teñen todo pensado: se a afluencia de xente fai complicado cumprir as normas sanitarias, pecharán a entrada ao tráfico a todo aquel que non sexa veciño ou turista aloxado no municipio.

Se non son veciños de Vilanova ou turistas aloxados no municipio, non poderán achegar os seus coches á praia do Terrón nos días de maior afluenza. O concello de Vilanova está decidido a facer cumprir as normas de seguridade sanitaria.

No caso de que fora necesario poñer a cadea, axentes da Policía Local, de Protección Civil ou o persoal de apoio financiado pola Xunta de Galicia serían os encargados de controlar que só accederan os locais ao areal.

Aínda que Durán insiste en que as praias son espazos nos que o contaxio con coronavirus é complicado, a súa prioridade é garantir a seguridade dos areais para os vilanoveses.

Así as cousas, o rexedor confía en que os usuarios das praias tomen conciencia e non sexa preciso pechar a entrada do Terrón.