O PP de Vilagarcía propón a creación dun Plan Cultural Municipal

tomasfole100_250108.jpgVILAGARCÍA > O PP impulsa a elaboración dun Plan Cultural que acolla todas as expresións artísticas e protexa e promova o patrimonio local …

… neste ámbito. Así se recolle na moción que levará ó vindeiro pleno municipal.

O Partido Popular de Vilagarcía presentará no vindeiro Pleno do Concello unha moción destinada a impulsar a elaboración dun Plan Cultural Municipal. Nel acolleríanse todas as expresións artísticas do municipio ademais de protexer e promover o patrimonio local neste ámbito. Segundo explicaron hoxe en rolda de prensa o voceiro do Grupo Municipal do PP, Tomás Fole, e o responsable de Cultura do mesmo, Jaime Ramos, esta iniciativa ten como finalidade dinamizar a vida cultural do municipio e democratizar as políticas relativas a este eido.

O Plan Cultural proposto xiraría en torno a varios eixes, destinados a apoiar ás expresións culturais que comezan a dar os seus primeiros pasos, sen descoidar as xa prestixiosas e prestixiadas; fortalecer o tecido sociocultural de Vilagarcía e posibilitar que este teña unha maior participación na política cultural municipal, promover a ampla diversidade cultural do municipio, dándolle a difusión necesaria para que os nosos artistas poidan ser coñecidos máis aló do noso contorno máis cercano; ou protexer o patrimonio cultural local, promovendo ao mesmo tempo a investigación para recuperar a cultura xa esquecida.

CENTROS CULTURAIS

Así mesmo, explicou Ramos, o Plan incluiría a creación dunha rede de intercambios culturais con outros concellos, así como unha dentro do propio municipio co fin de dinamizar os centros culturais. Igualmente, establecería os criterios para a concesión de subvencións aos diferentes artistas e agrupacións por parte da concellería de Cultura. Por último, o concelleiro do PP salientou a necesidade de transmitir unha visión lúdica da cultura que, entre outras cousas, permita ofertar alternativas culturais e de ocio á xuventude. Tomás Fole, amosou a súa convicción de que ‘en Vilagarcía hai un movemento cultural latente que necesita máis apoio, promoción e oportunidades’.

Redacción Salnés