O PP meco critica a política do Concello en materia de Turismo

    miguelangelperez_250108_-_still_001.jpgO GROVE > A política do Goberno local do Grove en materia de Turismo caracterízase, segundo o PP local, ‘pola paralización, …

    … a falta de iniciativa e o escurantismo’.

    Segundo indican os populares, ‘malia constituír un dos motores do concello, o cuatripartito amosa un total desinterese por este ámbito e polo impulso de actuacións para a súa promoción e consolidación’. O PP do Grove considera inexplicable que non se teña informado sobre cal vai ser a participación do concello en FITUR, a pesar de que ‘esta importante feira de Madrid, unha das maiores do mundo e que constitúe un escaparate de primeira orde para a promoción de destinos’, se celebrará xa dentro duns días. Lembra ademais que se descoñece calquera aspecto da posible participación noutras feiras convocadas ao longo do ano.

    Igualmente ‘inexplicable’ ve o PP o feito de que non se teña convocado o Consello Sectorial da Festa do Marisco e o Turismo, ‘un dos primeiros órganos que se puxo en marcha no Grove e no que se dá participación a todos os grupos políticos e ás asociación empresariais ligadas ao sector’. Para o voceiro do Grupo Municipal do PP, Miguel Pérez, que solicitou a súa convocatoria para abordar a polémica relativa ao campionato de Tiro ao Pombiño da Toxa sen obter resposta algunha, esta negativa constitúe ‘unha mostra máis de cal é o verdadeiro talante dos partidos que conforman o Goberno, que presumen de demócratas, de plurais e de abertos á participación pero, á hora da verdade, foxen do diálogo e se pechan en banda, excluíndo á oposición de calquera debate e mesmo de calquera información que os cidadáns aos que representamos merecen obter’.

    Redacción Salnés