Un veciño de Sisán resulta ferido nun roubo con violencia no seu domicilio

    dv_697_-_casa_100.jpgRIBADUMIA > Un veciño de Sisán, en Ribadumia, de 50 anos, Arturo Otero Martínez, máis coñecido como O Bicho, leva tres días ingresado…

    … no Hospital Domínguez de Pontevedra, logo de recibir unha malleira por parte duns encarrapuchados que entraron a roubar no seu domicilio. Os feitos aconteceron ás dez menos cuarto da noite deste pasado sábado diante desta casa. Cando a víctima se baixou do seu vehículo, varios descoñecidos obrigárono a entrar no seu domicilio, namentres o apuntaban cunha arma de fogo. Unha vez dentro intimidárono verbalmente para pedirlle cartos. A víctima proporcionoulles máis de 15.000 euros en efectivo que gardaba nunha cómoda, 300 euros que levaba no peto e varias xoias por un valor aproximado de 12.000 euros.

    Antes de fuxir en coche co botín, os encarrapuchados propináronlle unha brutal malleira e deixárono atado co cable da televisión. A vida deste ribadumiense non corre perigo pero si permanece con fractura de tórax e costelas e múltiples contusións nas costas, cadeira e face. Os veciños non oíron nada posto que a vivenda na que aconteceron os feitos está bastante afastada das demais e non quixeron entrar a valorar diante das cámaras, as actividades nas que puidera estar involucrado este traballador do mar. Os feitos continúan a ser investigados pola Garda Civil de Cambados.

    Redacción Salnés