As Torres acada o segundo posto en Pas de Calais

catoira250_300108_001.jpgCATOIRA > O club As Torres Romaría Vikinga de Catoira ven de acada-lo segundo posto na Regata Internacional de Pas de Calais, disputada esta pasada fin de semana en Arras (Francia). Un magnífico resultado para os catoirenses nunha das probas máis prestixiosas a nivel continental.

Excelente actuación de As Torres de Catoira en Francia, na regata Internacional de Pas de Cale. Alí acudiron esta fin de semana máis de sesenta clubes chegados dende dezaseis países de toda Europa. Estiveron presentes palistas de recoñecido prestixio internacional nunha proba que significa o primeiro test imporante da temporada en piragüismo.

Despois da discreta actuación do ano pasado, a expedición catoirense viaxaba con 28 deportistas e co obxectivo de meter entre cinco e oito deles nalgunha final. Acadáronse doce e deles catro medallas, algo que fixo que na xeral por equipos terminasen a competición en segundo lugar, so por detrás do Sant Laurent Blangy e por diante do Kayak Tudense, que foi terceiro.

A destacar foron as actuacións de Ismael Pesado, oitavo en C-1 senior; José Corral foi bronce en K-1 veterán; Miguel Salgado foi ouro en C-1 junior, co vilagarcián Diego Romero na cuarta posición e Iago García e Alberto Conde séptimo e oitavo, respectivamente. En damas junior, Kelly Torres foi cuarta e Belén Pose, sexta. Na categoría C-1 cadete salienta-la gran actuación de Antonio Lobato, ouro, e Adrián Ferreira, bronce. Por último, Marcos Barreiro acadou a quinta praza en K-1 cadete.

Agora tocará descansar para logo seguir adestrando e seguir colleitando éxitos tan grandes coma estes.

Redacción Salnés