A alcaldesa de Moraña non convence ao BNG coas súas explicacións sobre a Operación Patos

MORAÑA> Pleno extraordinario en Moraña sobre a relación da alcaldesa da locadidade coa Operación Patos. A rexedora popular aproveitou a sesión para defender a súa inocencia e que a construción do campo de fútbol de herba artificial do municipio foi tramitado con total transparencia. O Pleno celebrouse a petición do BNG despois de que a rexedora fose citada a declarar en calidade de investigada nunha das pezas separadas desta investigación.

Foi a petición do BNG e durou escasos minutos. O pleno extraordinario celebrado hoxe en Moraña tiña un único punto a tratar: a relación da alcaldesa da localidade coa Operación Patos.

Luísa Piñeiro pasou de testemuña a investigada nunha das pezas separadas deste caso, como posible cooperadora necesaria en irregularidades que se investigan sobre a adxudicación e construción do campo de fútbol de herba sintética de Moraña.

As explicacións da rexedora non convenceron ós nacionalistas. Critican que non aportase ningunha novidade ó xa publicado na prensa nos últimos meses. No BNG din respecta-la presunción de inocencia da popular, pero pídenlle que marche do concello no caso de acabar resultando culpable.

O pasado 6 de xuño, nos xulgados de Pontevedra, a rexedora acolleuse ó seu dereito ó non declarar, alegando que non tivera acceso ó expediente completo. Trala sesión extraordinaria, a preguntas de Canal Rías Baixas, a rexedora insistía na súa inocencia.

A defensa da alcaldesa solicita ó arquivo do expediente ó non ver nel ningún tipo de delito. A resolución do caso, segundo fontes xudiciais, será inminente.