Os consumidores protestan pola eliminación da tarifa eléctrica nocturna

    luz_100.jpgRIBADUMIA > A decisión do ministerio de Industria Español de substituír a tarifa nocturna está xerando un clima de desconformidade

    …entre os usuarios e os compoñentes das distintas organizacións veciñais. Tamén grupos políticos como o BNG instaron a tódolos gobernos galegos a aprobar cadansúa moción para presionar a Xunta a que demande ó Ministerio de Industria, Turismo e Comercio que manteña este tipo de tarifa, que os cambios de limitadores sexan de balde e que se creen subvencións para evitar que este cambio merme as economías galegas.

    Segundo reza o real decreto do goberno central, a partires do un de xullo, tódolos usuarios que posuían esta tarifación deberán escoller calquera outra, ou no seu defecto imporáselle automaticamente a tarifa de horario discriminado: unha oferta que contempla un maior número de horas de acumulación; pásase de catorce a 8 horas diarias, pero que podería chegar a supoñer un incremento da factura de ata o 48 % a partires do segundo semestre deste ano. Esta medida afectará a un total de 160.000 usuarios galegos, o que supón o 16 % dos usuarios a nivel nacional; moitos dos cales xa amosaron a súa disconformidade.

    Os usuarios poderían verse obrigados a facer unha nova inversión de entre os 500 e os 600 euros, para adaptar a súa instalación á nova fórmula proposta. Algo que entenden como abusivo e ilegal.

    Pola súa parte, Concello de Ribadumia, está proporcionando á cidadanía cumprida información e exemplares de modelos de reclamacións para presionar á empresa concesionaria do subministro eléctrico; a través das súas oficinas municipais ou mesmo na súa páxina web www.ribadumia.org. Con estas follas preténdese instar á Xunta de Galicia para que a súa vez solicite ó ministerio de Industria español a paralización da súa implantación en Galicia, dadas as súas características diferenciais co resto do estado. De non ser así, piden que axuden ás economías familiares a asumir o importante desembolso que vai a supoñer a readaptación dos fogares.

    Redacción Salnés.