SANXENXO> O GDR Salnés Ulla Umia aproba máis de 650 mil euros en axudas para proxectos privados. Son fondos da convocatoria 2026-2028 que benefician iniciativas de diferentes eidos, tanto produtivas como non produtivas. Unha nova aposta do GDR por dinamizar e crear oportunidades no rural.
O Grupo de Desenvolvemento Rural Salnés Ulla Umia celebrou onte no Pazo Quintáns, en Sanxenxo, a reunión da súa xunta directiva. Un encontro no que se aprobaron máis de 650.000 euros en axudas para proxectos privados no marco da convocatoria 2026-2028. Os cartos proceden dos fondos europeos LEADER.
A maioría dos cartos destinarase a apoiar proxectos produtivos. O GDR dedicará case 542 mil euros a estas iniciativas, pertencentes a diversos sectores e actividades. Dende turismo a industria, pasando por adegas e comercio.
No que se refire os proxectos non produtivos, a contía aprobada ascende a case 113.500 euros. Os beneficiarios son comunidades de montes, fundacións, asociacións culturais e clubs náuticos, que desenvolverán actuacións relacionadas coa posta en valor do patrimonio, a adquisición de equipamento e outras iniciativas de interese para o territorio.
Na sesión de onte, o GDR ratificou tamén as propostas de axuda correspondentes a entidades locais, que xa foran aprobadas pola xunta directiva no mes de xullo. Neste caso ascenden a case 240.000 euros, e foron adxudicados entre os concellos que forman parte do territorio Salnés-Ulla-Umia. A convocatoria de axudas 2026 conta cun orzamento total de case 982 mil euros, destinado ao financiamento dos 45 expedientes presentados para as anualidades 2026- 2028.











