O alcalde da Caldas, satisfeito co anuncio da cancelación da Variante Oeste, do que non se fía o PP

CALDAS> Satisfacción no concello de Caldas ante a cancelación do proxecto da Variante de Caldas. O alcalde agarda que a semana que vén o delegado do goberno oficialice ese anuncio para a partir de aí retomar o proxecto do 2008. O PP, entre tanto, garda cautela. De feito, manteñen unha iniciativa que van levar ao pleno do Parlamento a vindeira semana. Desconfían do anuncio feito polo líder dos socialistas galegos porque, din, Besteiro non é a persoa que debera ter anunciado a cancelación da Variante. Sobre o proxecto da VG-47 entre a AP-9 e o porto de Vilagarcía, que a Xunta ten paralizado dende hai dez anos, os populares de Caldas confían en que o goberno galego cumpra con ese enlace entre Curro e San Simón.

Tanto o alcalde de Caldas como os populares coinciden en que a cancelación do proxecto da Variante Oeste é unha boa nova. Pero o PP pregúntase por que este anuncio o fixo o líder do PSdeG.

O alcalde quítalle importancia de que fose o secretario xeral dos socialistas o que trouxese este mércores a nova a Caldas.

O rexedor agarda que o mércores que vén o delegado do goberno oficialice ese anuncio

Pero os populares non se fían. Por iso manteñen unha iniciativa que van levar ao pleno do Parlamento a vindeira semana pedindo o arquivo do proxecto.

Onde si semella haber entendemento é en que o ideal sería retomar o proxecto de variante de 2008, que contaba co apoio unánime da corporación.

E cre o alcalde axeitado que a Xunta desbloquee ao mesmo tempo o proxecto da VG-47, entre a AP-9 en Curro e San Simón, que leva dez anos paralizado.

O voceiro popular en Caldas confía en que, cando chegue o momento, ese proxecto tamén se vaia executar.

Por outra banda, en canto o anuncio da cancelación do proxecto da Variante se faga oficial, o alcalde convocará un pleno extraordinario na procura dun novo acordo unánime, como hai agora case 20 anos, que non comprometa o futuro de ningunha parroquia do municipio.