Os escolares de Sanxenxo e Cambados celebran o día da Paz

    sanxenxo_paz_100.jpgSANXENXO > Os alumnos e alumnas do colexio Abrente de Portonovo quixeron celebrar o día da paz, este ano como nos oito anteriores,…

    …cunha multitudinaria solta de globos. Cada un dos preto de 400 globos que se ceibaron, levaba atado unha nova cos datos do centro e con cadansúa mensaxe ou desexo a prol da paz. O forte vento desta tarde meceu os globos e espallou esta mensaxe de paz polos distintos currunchos da comarca. Unha mensaxe que os mesmos alumnos quixeron ler a xeito de manifesto.

    O obxectivo que persegue esta iniciativa é que os cativos aporten o seu pequeno grao de area para concienciar a pequenos e maiores sobre a importancia da paz.

    Rematado o día da paz, neste colexio xa están pensando no entroido que comezará o vindeiro venres pola mañá co tradicional desfile polas rúas de Portonovo.

    Cambados tamén celebra o día da paz

     Os pequenos de Cambados tamén conmemoran o día da paz e da non violencia; pola mañá no colexio e pola tarde neste centro sociocultural da Merced; onde ademais de facer manualidades con pombas, tiveron a oportunidade de asistir a unha sesión de contacontos.

    Estes cambadeses tiveron a oportunidade de escoitar contos como O sorriso de Daniela, Paco Papán, ou ós nenos non nos gusta a guerra; da man dunha contacontos profesional, que ademais de escenificar o contos llelos ía explicando ca axuda de debuxos e murais. Todo isto, para chegar a afondar na conciencia dos máis pequenos sobre a importancia de que haxa paz no mundo.

    Esta sesión de contacontos ven a complementar os distintos obradoiros que se viñeron celebrando nos distintos centros socioculturais das parroquias; nas que os pequenos e pequenos construíron un gran puzzle sobre a diversidade, e aprenderon a interpretar cancións que facían referencia ó tema da non violencia.

    Redacción Salnés.