RIBADUMIA> O Colexio Rural Agrupado de Lois, no concello de Ribadumia, acolle estes días un obradoiro de robótica para a cativada. A actividade, impulsada dende a Mancomunidade do Salnés, enmárcase nas Escolas de Verán e Ludotecas da comarca. Tralo seu paso por Ribadumia, estará nos concellos de Meis, Meaño e A Illa de Arousa, para achegar aos máis cativos ás novas tecnoloxías.
O mundo da robótica e das novas tecnoloxías protagoniza dende hoxe a Escola de Verán do concello de Ribadumia.
O éxito deste tipo de actividades é innegable. A cativada aprende ao tempo que se divirte, relacionándose cun mundo cada vez máis presente no noso día a día.
Trátase dunha acción que nace da colaboración entre administracións. Dunha banda, o concello organiza a ludoteca. Da outra, a Mancomunidade do Salnés impulsa esta formación, que está financiada cunha achega do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Tralo seu paso polo concello de Ribadumia, os Talleres de Robótica realizaranse tamén nas Escolas de Verán e Ludotecas dos municipios de Meis, Meaño e A Illa de Arousa.











