Louzán asina en FITUR un convenio coa secretaria xeral de Turismo

    convenio100_010208.jpgMADRID > O presidente da Deputación de Pontevedra e a secretaria xeral de Turismo asinaron un acordo en FITUR.

    Deste xeito o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a FEMP e a Deputación levarán a cabo por terceiro ano consecutivo a difusión e implantación do Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED) no ámbito territorial da provincia de Pontevedra.

    O proxecto responde á necesidade de dotar ó destino turístico Rías Baixas de mecanismos que permitan integrar e focalizar as actuacións e mellora da calidade turística para tódolos subsectores turísticos deste destino. Tanto o Presidente da Deputación como a Secretaria Xeral de Turismo comparten a necesidade de unir esforzos no desenvolvemento das políticas de apoio á mellora da calidade turística en destino co fin de establecer un marco de colaboración que permita avanzar cara obxectivos comúns evitando duplicidade de actuacións e economizando recursos.

    O Plan de Calidade Turística que Turismo Rías Baixas leva a cabo desenvolverá durante este ano a súa terceira fase, tendo como obxectivo facer fincapé na formación do sector e na orientación de productos turísticos conxuntos. O pasado ano participaron un total de 130 empresas das que 76 lograron certificarse co distintivo do SICTED.

    Redacción Salnés