Boiro levará este mércores a pleno as obras a incluír no POS 2024

BOIRO> Boiro celebrará este mércores tamén un pleno extraordinario no que se aprobarán as obras a incluír no Plan de Obras e Servizos, no que ó municipio lle corresponden este ano máis de 691 mil euros.

Na súa maioría trátase de actuacións en materia de seguridade viaria e servizos en distintos núcleos do rural, como é o caso da renovación do pavimento e mellora da seguridade viaria na estrada de subida a Espiñeira por un importe de 147 mil euros.

Tamén se levará a cabo a mellora de servizos e pavimentos na rúa 52, entre a estrada provincial DP-1107 e o Esteiro, en Cabo de Cruz, por un valor duns 148 mil ou a pavimentación en varios núcleos rurais como son o Boiro de Arriba, a Armada, Cubeliños, Pazos de Coroño e o Saltiño. Obras todas elas por un importe de 153 mil euros.

Ademais destas actuacións o Concello destinará uns 242 mil euros da axuda provincial a financiar gastos correntes e uns 3.200 para a redución da débeda.