Vilalonga – Céltiga: máis que tres puntos en xogo

futbol250_010208_001.jpgSALNÉS > Esta fin de semana preséntase outro apaixoante derbi comarcal, o que han de disputar en San Pedro Vilalonga e Céltiga. Ademais, o Portonovo desplázase ó complicado campo do Lalín mentres que o Arousa recibe mañá ó líder Narón.

Por segunda semana consecutiva teremos un derbi no Salnés. Se a pasada foron Portonovo e Arousa nesta tócalles a Vilalonga e Céltiga que se enfrontarán o domingo en San Pedro a partires das 16:30. Dous equipos que afrontan o encontro de maneira moi diferente, mentres que os locais tentan non desengancharse co grupo que pelexa por meterse en playoff, os da Illa non queren quedarse enganchados no grupo de cola; agora están a tan so un punto do descenso. No apartado de baixas ambos equipos acuden ó choque prácticamente ó completo, tan só Caco, polo Vilalonga, e Sierra, sancionado no Céltiga, perderanse o encontro.

Por outra banda Portonovo e Arousa terán dous complicados compromisos. Os de Piscis viaxan a Lallín, para xogar o domingo ás 17:00 no Manuel Anxo Cortizo, un campo no que tan so o Santa Comba foi quen de gañar este ano. Será baixa segura Curiel, que arrastra unha rotura de fibras dende hai dúas semanas mentres que a presencia de Baptiste aínda non está confirmada por problemas nun nocello. 

Ó que lle toca bailar coa máis fea esta fin de semana é ó Arousa que recibe ó líder, o Narón. Mete medo o nivel ofensivo deste equipo que ten sen dúbida á mellor dianteira da Liga, con nomes que sonan de Primeira División, como Juanito e Cuéllar. Será un dos partidos adiantados á xornada do sábado, e xogarase na Lomba a partires das 17:30.

Redacción Salnés