A ABE homenaxea a Jesús Alonso no 50 aniversario de Jealsa-Rianxeira

    homenaxejesusalonso_100_051208.jpgBOIRO > Todo o empresariado boirés recoñeceu a contribución de Alonso ó desenvolvemento do municipio e tamén do Barbanza.

    {flowplayer}barbanza/homenaxejesusalonso.flv{/flowplayer}

    Nun salón de actos totalmente ateigado para a ocasión, e cun público completamente entregado, facía entrada o presidente do grupo conserveiro Jealsa-Rianxeira, Jesús Alonso Fernández. Entre aplausos e visiblemente emocionado percorreu os poucos metros de distancia ata o escenario acompañado dos seus, a súa muller, Pura, e parte dos seus cinco fillos. Acompañábano tamén outras autoridades entre elas, o presidente da Asociación Boiresa de Empresarios, Carlos Rodríguez Muñíz, verdadeiro impulsor desta homenaxe, o director Xeral de Caixa Galicia, José Luís Méndez, e o alcalde de Boiro, Xosé Deira.

    Durante a súa intervención o presidente da patronal boiresa destacou o papel de Jesús Alonso á fronte de Jealsa-Rianxeira, unha empresa de ámbito internacional que leva, segundo el, medio século de innovación, de creación de emprego e de poñer a Boiro no mapa do progreso.

    O director Xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez López, tivo tamén palabras de eloxio cara Jesús Alonso, recoñecéndoo coma un dos grandes empresarios galegos do último medio século

    Mais sen dúbida o momento máis agardado do acto, e á vez o máis emotivo, tivo lugar cando Jesús Alonso recibiu das mans do presidente da ABE un pergamiño no que se deixaba constancia dos seus méritos.

    Agradecemento

    Durante a súa intervención Jesús Alonso agradeceu a homenaxe, a primeira que segundo el se lle tributaba en Boiro, que entendía como un recoñecemento á firma conserveira e a todo o que representa, con motivo do seu cincuentenario.

    O alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, foi o encargado de pecha-lo acto. Na súa intervención destacou o papel fundamental que desempeña Jealsa-Rianxeira no municipio, onde xera emprego e riqueza.

    Unha vez rematado o acto as autoridades, así como o resto de persoas que asistiron á homenaxe, trasladáronse ata unha carpa instalada na parte traseira da casa de cultura boiresa onde se serviu un cóctel. Alí tódolos convidados, representantes de distintos sectores, tanto empresariais como sociais e políticos, eloxiaron a figura de Jesús Alonso, un gran empresario e unha persoa exemplar.

    Redacción Barbanza