O Liceo sigue en melloría, gaña e sae dos postos de descenso

SALNÉS> Esta semana tocoulle descansar ó Establecimientos Otero de Cambados, pero o que sí xogou foi o Liceo Casino. O conxunto vilagarcián acadou unha importante victoria ante o Cai Santiago que lle permite saír dos postos de descenso despois de moitos meses metido neles.

Por fin saca a cabeza do pozo o Liceo Casino de Vilagarcía. Custoulle 18 partidos saír dos postos de descenso nos que estivo inmerso en todo momento, salvo no inicio da competición. Claro que quedan catro partidos por diante nos que todo pode pasar.

O pasado sábado impuxéronse a un rival directo pola permanencia como o Cai Santiago. Tiveron que sudalo porque durante boa parte da tarde o encontro semellaba perdido. As cousas comezaron moi ben coa victoria esperada de Sergey Nigeruk sobre Jorge Cardona. Sen embargo, a partir de ahí o encontro torceuse e dúas derrotas de Francisco Monroy e outra máis de Ramón Mampel ante Alberto Luño, colocaban contra ás cordas ós vilagarciáns, que con 1-3 no marcador non tiñan marxe de erro. E non erraron, porque tanto Nigeruk como Mampel sacaron adiante sen demasiados problemas os seus encontros individuais e mandaron o partido ó decisivo punto de dobres.

E como soe acontecer, non desperdiciaron a oportunidade e no derradeiro choque, con moito sufrimento, superaron por 3-2 a Cardona e Luño, para poñer no global o 4-3.

Con este triunfo o Liceo Casino sae dos postos de descenso aínda que mantense empatado a puntos co Helios, que sí baixaría. A vantaxe para os vilagarciáns é que aínda lles queda por disputar catro partidos, por tan só tres dos maños. Ademais o calendario do Liceo antóllase máis asequible, xa que deberá efrnontarse a Torrelavega e Borges, que contan con poucas opcións de permanencia, co Figueres, que non se xoga nada e co Club del Mar da Coruña, que aínda que é terceiro na táboa, ten complicada a súa presencia na fase de ascenso, que se non acontece nada estrano, vaina ocupar o Establecimientos Otero.

Precisamente os cambadeses, que son cuartos na xeral, descansaron esta xornada xa que a vindeira fin de semana afrontan un triple desprazamento a terras catalanas, onde se enfrontarán a Figueres, Mataró e Borges. O Liceo desprázase a Cantabria para xogar co Torrelavega, derradeiro clasificado.

Redacción Salnés